Inicios da AGX
A AGX foi fundada a mediados dos anos 90 na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela por alumnos licenciados nesta universidade, co obxetivo de fomentar o alemán en Galicia e ampliar as perspectivas laborais neste ámbito. Os nosos principais propósitos son xerar demanda por parte do sector educativo, mantendo unha liña de diálogo coa administración, cubrir a demanda de formación especializada aos socios e socias e actuar como órgano de difusión de información sobre postos de traballo, eventos formativos e culturais, becas, etc,. para todos os nosos membros.
Que facemos?
Desde os seus inicios, AGX organiza actividades encamiñadas a promocionar o alemán e a cultura alemá, tanto no eido educativo como nos espazos culturais. Co ánimo de conseguir que medre a demanda do alemán en Galicia, a asociación realiza, por unha banda, actividades de promoción da lingua dirixidas aos centros de ensino de primaria e secundaria, como a realización de horas de degustación (Schnupperstunden) ou cursos piloto. Con isto pretendemos xerar interese pola aprendizaxe do alemán, de xeito que esta lingua teña unha maior presenza nas EOI e nos centros educativos públicos.
Ademais, a Asociación Galega de Xermanistas mantén desde a súa fundación unha comunicación continuada cas institucións de goberno, ca pretensión de que se creen máis prazas de profesorado para atender a demanda crecente da lingua alemá, tendo en conta o lugar punteiro que este idioma ocupa no mundo laboral na actualidade, e para darlles unha saída profesional aos estudantes formados nas universidades galegas.
Por outro lado, a Asociación Galega de Xermanistas oferta cursos de formación especializada para profesorado, cubrindo así as necesidades destes e destas profesionais. Algunhas das actividades organizadas por AGX realízanse en colaboración con outras institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, o CAFI (Centro Autonómico de Formación en Innovación), o DAAD (Servicio Alemán de Intercambio Académico) e co Goethe-Institut. A maiores, AGX organiza tamén actividades de tipo cultural dirixidas ao público xeral interesado na lingua e cultura alemás.
Como función esencial, a Asociación Galega de Xermanistas serve ao mesmo tempo de órgano de difusión entre as súas socias e socios, comunicando de forma asidua información relativa a actividades formativas e lúdicas en torno ao alemán, así como sobre ofertas de emprego e bolsas. A través da asociación foméntase o contacto entre profesionais e empresas privadas. Á súa vez, AGX constitúese nun foro de debate e nun espazo potenciador de novas ideas grazas ás valiosas aportacións achegadas polas súas socias e socios.